PANTALÁN
O Grupo de Oceanografía Física (GOFUVI) ocúpase do estudo da dinámica da circulación en Galicia e a modelización dos sistemas mariños nos seus aspectos hidrodinámicos, de productividade primaria e de contido en nutrintes. Ademais, este grupo realiza estudos no campo da oceanografía operacional, incluíndo o deseño, colocación e supervisión de plataformas oceanográficas de envío de datos en tempo real, como o radar de alta frecuencia ou as boias oceanográficas. Finalmente, GOFUVI estuda a análise de procesos de interacción entre a atmósfera e o océano. Máis info.
O Grupo de Bioloxía Ambiental (BA2) desenvolve proxectos tanto en ecosistemas mariños como terrestres. As súas principais liñas de investigación no ámbito mariño están dirixidas ao estudo da biodiversidade da fauna mariña bentónica e a súa conservación, prestando especial atención á fauna de augas profundas, e ao cultivo e pesqueiras de cefalópodos. Os resultados do traballo de investigación do grupo de BA2 sirven de base para plantexar medidas de conservación da fauna e dos seus ecosistemas, como son a creación de reservas e áreas mariñas protexidas, e resultan imprescindibles para a xestión de recursos pesqueiros baseada no ecosistema. Máis info.
O CIM conta cun pantalán flotante ubicado na cara este da Illa de Toralla empregado tanto para o amarre das embarcacións da ECIMAT como a instalación doutras estruturas flotantes ou mergulladas empregadas en traballos experimentais. No pantalán, de 24 m de lonxitude e 3 m de ancho, ubícase a estación oceanometeorolóxica de Torallamar e as linternas para o mantemento de organismos mariños. Máis info.
Os mesocosmos son plataformas flotantes ubicadas no mar que permiten estudar as comunidades planctónicas en condicións próximas ás do medio natural. Estas plataformas conteñen bolsas pechadas con grandes volumes de auga (maiores de 1 m3) nas que se manteñen as mesmas condicións de luz, temperatura e movemento do medio. O uso de grandes volumes permite a realización de experimentos de maior duración e o seu illamento permite realizar a experimentación con adición de nutrientes, tóxicos, etc. en condicións naturais, pero sen afectar ao medio mariño.
A estación océano-meteorolóxica de Torallamar toma medidas oceanográficas en tempo real nas inmediacións da Illa de Toralla, ofrecéndoas a través da súa páxina web e as súas redes sociais aos científicos, profesionais e deportistas do mar e ao público en xeral para complementar os seus traballos de investigación ou actividades deportivas ou de lecer desenvolvidas na marxe externa da Ría de Vigo. Entre estas medidas atópanse a temperatura da auga, a temperatura do aire, a velocidade e dirección do vento, a turbidez da auga, a velocidade e dirección da corrente, etc.
A Unidade de Medio Mariño (UMM) proporciona apoio en calquera actividade científica que teña lugar no medio mariño, dende mostraxes de auga de mar ou sedimento ata organismos planctónicos, bentónicos ou peláxicos. A UMM conta con mergulladores profesionais e patróns, varias embarcacións (3 zodiacs e unha embarcación de poliéster cabinada), equipos de mergullo, e material de mostraxe biolóxica e oceanográfica.
A Unidade de Oceanografía (UO) mantén e xestiona as infraestructuras que aportan datos oceanográficos, como son a estación Torallamar ou o radar HF, e as instalacións do mesocosmos, que permiten aos investigadores realizar os experimentos en grandes volumes de auga. Ademais, o persoal da UO ofrece apoio técnico na realización de traballos experimentais de tipo oceanográfico, tanto en laboratorio como no mar, mediante a preparación e o manexo do equipamento oceanográfico.